Detalle

A Escola de Cantería cede 17 obras en granito para unha exposición nas beiras do río Sar en Santiago

22 de decembro de 2016

Santiago

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra cedeu dezasete obras en granito para unha exposición do Concello de Santiago nas beiras do río Sar, no que acaban de rematar unhas obras de acondicionamento para unha senda peonil.

O propio Concello de Santiago foi o que lle solicitou á Deputación de Pontevedra a colaboración en forma de pezas da Escola de Cantería para conformar esta exposición para conmemorar a fin das obras de acondicionamento das sendas peonís nas beiras do río Sar, ao seu paso polo parque Granell.

As pezas foron seleccionadas polo propio Concello entre os traballos realizados polos alumnos e as alumnas da Escola de Cantería entre os anos 2010 e 2016, entre os materiais que se atopan nas instalacións de Poio. En total, son dezasete pezas de gran tamaño e con pesos nalgúns casos superiores aos mil quilos.

Entre as pezas elixidas, algunhas representan oficios tradicionais coma o de ferreiro, costureira ou canteiro, e outras estampas da vida cotiá.

As obras pertencen aos alumnos Álvaro Somoza López, Emilio José González Martínez, José Sampedro Caamaño, José Luis Fernández Ferradáns, Daniel Vera Fernández, Pedro José Rodríguez Álvarez, José Rocha Pino, Víctor Manuel Otero Sanjorge, Nicolás Ricón Luis, Rubén Touriño Reboredo, Francisco Escariz Jamardo, Lorenzo Lede Mouriño, Víctor Durán Cabanelas, Jonathan Mariñas García e Raúl Martínez López.