Detalle

Carmela Silva inaugura a reprodución do tímpano da concatedral de Vigo elaborado pola Deputación

21 de marzo de 2017

Timpano

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Vigo, Abel Caballero, do bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza e do párroco da concatedral de Vigo, Moisés Alonso, inaugurou a reprodución do tímpano da Concatedral que elaborou a Escola de Cantería da institución provincial.

A presidenta provincial sinalou que "recuperar a nosa historia é fundamental para vivir o noso presente e encarar o futuro. Hoxe é un día inmensamente feliz para una viguesa que agora é presidenta da Deputación", dixo Carmela Silva

A réplica do tímpano, esculpida en granito silvestre mediante a técnica de fío de diamante, conta cunhas dimensións de 260 x 120 x 25 centímetros e 2,2 toneladas de peso. Está situada na porta dereita da Concatedral e dá acceso ao baptisterio. O alumnado da Escola de Cantería dedicoulle máis de 600 horas de traballo. A réplica recolle, coma a orixinal que conserva o Museo de Pontevedra, imaxes da Anunciación e da Adoración dos Reis Magos.

Esta réplica inaugúrase tras a sinatura dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e a Concatedral de Vigo para a colaboración na defensa do patrimonio histórico-artístico, empregando, neste caso, os froitos do traballo do alumnado da Escola de Cantería, que conta na actualidade con máis de 40 persoas matriculadas. Ao respecto, Carmela Silva manifestou que "desde 1979 a Escola está a impulsar a recuperación e posta en valor dun dos oficios máis tradicionais da nosa terra, a cantería, e a conservar e recuperar o patrimonio histórico-artístico da nosa provincia, no que a pedra, o granito, é un dos grandes protagonistas".

O acto de inauguración da reprodución elaborada pola Escola de Cantería, que estivo tamén ilustrado por unha conferencia do historiador Javier Ocaña Eiroa sobre a traxectoria histórica do tímpano orixinal da concatedral de Vigo, contou coa interpretación de pezas musicais do cuarteto da Orquesta Vigo 430 no interior do templo.