Detalle

Carmela Silva reivindica a Escola de Cantería coma unha aposta por manter a nosa tradición e autenticidade

Na apertura do novo curso académico, a presidenta da Deputación aproveitou para reclamar o recoñecemento dun título profesional para un oficio tan arraigado a Galicia

27 de outubro de 2016

Inauguración curso 2016-2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reivindicou a importancia da Escola de Cantería que, con 37 anos de historia, "é un orgullo para todos e todas, xa que se algo somos nós realmente, as galegas e os galegos, somos pedra e auga. A pedra forma parte da nosa traxectoria, do que somos, de como son os nosos pobos e a nosa arquitectura". Así se manifestou na apertura do curso académico 2016-2017 da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, onde estivo acompañada pola Deputada de Emprego, Montserrat Magallanes; o alcalde de Poio, Luciano Sobral; e o humanista e galeguista Manuel Caamaño, encargado de impartir a conferencia de apertura do novo curso.

Silva lembrou que, en todos estes anos, a Escola de Cantería ten aportado moito a esta tradición de pedra que está en cada un dos recunchos da nosa provincia, de toda Galicia e do estranxeiro, xa que "as obras de arte feitas aquí son un orgullo para todas e todos e son unha clara aposta por manter a nosa tradición e autenticidade". Manifestou que as obras que saen da Escola serven para deixar unha extraordinaria pegada no territorio, "pero tamén serven para lembrarnos o que somos e o que fomos".  Lembrou, por exemplo, o orgullo e emoción que supuxo poder colocar esculturas como a de María Soliña en Cangas ou a do neno Balbino na Biblioteca Xosé Neira Vilas de Vigo.

A presidenta quixo destacar así, ademais, a calidade e o bo facer dos profesionais que se forman nesta Escola de Cantería, "de aquí saen mestres canteiros que acaban traballando en lugares tan relevantes como a Catedral de Santiago". Por iso, Carmela Silva explicou que dende a Deputación se vai  seguir apostando forte por esta Escola, "por unha profesión tan vencellada á nosa tradición e tamén con futuro. E por iso aproveito para reivindicar que é incomprensible que estes estudos non teñan aínda un título recoñecido".

No acto de apertura do novo curso académico, a conferencia de apertura correu a cargo de Manuel Caamaño, baixo o título "Vixencia das construcións galegas da arquitectura popular preindustrial". Carmela Silva comezou a súa intervención eloxiando a figura deste ilustre profesor, escritor e galeguista, do que se dixo sentirse especialmente honrada de telo ao seu carón. "Manuel Caamaño é un deses galegos ilustres que temos a sorte de ter como coetáneo, un gran humanista, un intelectual no sentido máis amplo da palabra e un galeguista comprometido. É un luxo ter alguén coma el abrindo o curso da nosa Escola de Cantería", dixo.

Manuel Caamaño é un profesor universitario e escritor galego, gran defensor e estudoso dos valores arquitectónicos tradicionais de Galicia, sempre vinculado á defensa da cultura e do patrimonio galego. Entre outras actividades, foi presidente da Agrupación Cultural O Facho, conselleiro na editorial Galaxia, membro fundador de Adega e da Fundación Castelao, así coma un dos fundadores do Partido Socialista Galego. É académico da Real Academia Galega e patrono do Museo do Pobo Galego.  Escribiu e coordinou múltiples obras sobre arquitectura e patrimonio de Galicia, polos que tamén ten recibido  moitos galardóns  e recoñecementos.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, aproveitou tamén o acto para reivindicar a tradición histórica que supón a pedra para os galegos e galegas, e neste sentido, puxo a Escola de Cantería da Deputación xa coma un referente académico imprescindible. Sobral lembrou que deste centro, xa de longa traxectoria, "teñen saído grandes artistas e obras xa repartidas por todo o mundo, e así ten que seguir sendo, polo que debemos seguir apostando por esta profesión".

Neste novo curso académico da Escola de Cantería hai matriculados polo momento 46 alumnos, tanto na modalidade oficial (clases polas mañás de luns a venres) como na específica (clases nocturnas de luns a xoves). Durante o curso pasado estudaron no centro un total de 44 alumnos e realizáronse preto de 20 obras escultóricas e arquitectónicas para diversas entidades e municipios, ademais de traballar na restauración e mellora de moitas pezas do noso patrimonio histórico-artístico.  Os traballos realizados ao longo do curso pasado foron para os concellos de Silleda, Valga, Cangas, Caldas de Reis, Santiago de Compostela, Vigo, O Grove, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas, así como para a Orde da Vieira de Madrid, a Fundación Alzheimer Galicia e a Asociación de Xornalistas de Santiago.