Detalle

Dous artistas formados na Escola de Cantería traballarán nas obras de restauración do Capitolio

Os canteiros Manuel Rial e Francisco Castro traballarán durante 3 anos na capital dos Estados Unidos nas obras de restauración do emblemático edificio

15 de maio de 2017

La presidenta de la Diputación de Pontevedra, Carmela Silva, la diputada de Empleo, Montse Magallanes, el profesor y miembro de la directiva de la Escuela de Cantería, Enrique Velasco, y los canteros Manuel Rial Pérez y Francisco Castro Freijo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Emprego, Montse Magallanes e polo profesor e membro da directiva da Escola de Cantería, Enrique Velasco, informou hoxe, nun acto organizado no Pazo provincial, de que os canteiros Manuel Rial Pérez e Francisco Castro Freijo, formados na escola pontevedresa dependente da institución provincial, traballarán durante os próximos tres anos nas obras de restauración do edificio do Capitolio, en Washington, capital dos Estados Unidos.

Carmela Silva manifestou o seu orgullo, e o da Deputación de Pontevedra, por esta noticia que cualificou de "fito" e que vén a ser "unha mostra da calidade da formación que se ofrece na Escola de Cantería e da calidade das nosas canteiras e canteiros". Con motivo deste anuncio, a presidenta aproveitou a ocasión para facer un chamamento ao resto de administracións públicas para que desde elas se traballe para "poñer en valor esta profesión, que deixou en toda Europa obras de pedra que falan da nosa historia, e que deberían ser consideradas como patrimonio inmaterial da humanidade."

O pasado ano, a adxudicataria das obras de restauración do Capitolio, a prestixiosa Lorton Stone, empresa estadounidense con orixes galegas en Soutelo de Montes, contactou coa Escola de Cantería para asesorarse sobre canteiras e canteiros formados neste centro que puidesen presentar un perfil axeitado para a realización destas intervencións que durarán tres anos, segundo explicou a presidenta. Así foi como os artistas Manuel Rial e Francisco Castro se postularon para esta oferta que tende pontes entre profesionais e empresas galegas, algo sobre o que a presidenta quixo facer unha chamada de atención, e advertiu da necesidade de que "as administracións públicas establezan e manteñan un contacto permanente con estas embaixadoras e embaixadores de Galicia que están por todo o mundo" e das e dos que ás veces non existe coñecemento.

Manuel Rial e Francisco Castro teñen previsto incorporarse ás obras de restauración do Capitolio o próximo 1 xuño onde levarán a cabo a restauración da ornamentación de pezas de mármore, pedra calcárea e granito do Capitolio e das construcións lindeiras, tarefas que describiron coma un reto e como "unha oportunidade moi importante" na súa carreira profesional.

O escultor e canteiro Manuel Rial Pérez, con máis de 20 anos de currículo ás súas costas, formouse na Escola de Cantería de Pontevedra, onde tamén foi profesor durante 3 anos. Realizou numerosos traballos relevantes como a escultura alegórica do vendimador da Ribeira Sacra (en pedra), O porco de Lalín (en bronce) ou a restauración do rosetón das ruínas de San Domings entre outros.

Pola súa banda, o mestre canteiro Francisco Castro Freijo formouse tamén na escola de Pontevedra e é o autor de numerosas obras escultóricas como o Monumento a Mercurio, que se atopa nas Neves; A Virxe do Carme, de Pontesampaio; ou o Monumento a Man de Camelle, que se pode visitar en Camariñas. Ademais participou na restauración de varios cruceiros no conxunto histórico de Combarro, en Poio.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, ademais de felicitar aos dous canteiros, obsequiounos cunhas camisetas da Escola de Cantería e convidounos a sacarse unha fotografía con ela posta no Capitolio para así retratar este momento histórico para a escola. Ademais, Silva lembrou que tamén outras e outros ex-alumnos da escola forman parte hoxe dos equipos de restauración de emblemáticos edificios históricos como son A Sagrada Familia en Barcelona, e a Catedral de Santiago de Compostela, o que evidencia unha vez máis a calidade da escola á que non dubidou en cualificar como "a mellor do mundo".