Detalle

A Deputación participa en Vigo no acto de peche do Mes do Párkinson e amosa o seu apoio na loita contra esta enfermidade

24 de abril de 2017

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e o deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos Font, asistirán este martes, 25 de abril, ás 11.30 horas, ao acto de peche do Mes do Párkinson 2017, que terá lugar na praza da Estrela de Vigo, lugar onde se atopa a estatua do tulipán, monumento en  honor ás persoas afectadas por esta enfermidade e que foi realizado polo alumnado da Escola de Cantería, dependente da Deputación de Pontevedra.

A estatua, esculpida en granito polo alumnado da Escola de Cantería e colocada sobre unha peaña, ten forma de tulipán, símbolo mundial da enfermidade do párkinson, pesa ao redor de 3.600 kg e mide 2,20 m de alto. A escultura supuxo non só o primeiro monumento en España dedicado a esta enfermidade, senón tamén un recoñecemento público á loita que afrontan estas persoas para levar a cabo unha vida normal.

O acto deste martes pon fin a unha serie de actividades desenvolvidas ao longo deste mes de abril pola Asociación Párkinson de Vigo, no que se organizaron mesas de sensibilización, conferencias e outras iniciativas relacionadas coa enfermidade

Aproveitando o acto, colocarase na estatua unha nova placa, reformada pola Escola de Cantería, co nome do actual presidente da organización, José Luis Rodríguez Gato.