Detalle

A Escola de Cantería condensa nunha exposición o traballo máis recente do seu alumnado

08 de maio de 2017

Nado en pedra

A Escola de Cantería condensa nunha exposición o traballo máis recente do seu alumnado. A través da mostra "Nado en pedra", a entidade, dependente da Deputación de Pontevedra, expón algunhas das pezas elaboradas polo alumnado nos últimos tempos, representación da actividade levada a cabo neste centro formativo.

A través deste compendio, o alumnado da Escola de Cantería propón un percorrido pola historia e a cultura galega. Así, na mostra atópanse obras como A maleta, Home cun neno no  colo, Despedida, Canteiro, Gaiteiro sentado, Ferreiro ou Abrazo.

A exposición –enmarcada nos actos de promoción de Cambados como Cidade Europea do Viño– poderá contemplarse, desde o 17 de maio ao 30 de xuño, no paseo marítimo desta localidade pontevedresa.

Nada en 1979, a Escola de Cantería ten por finalidade a continuidade deste oficio, un dos máis tradicionais en Galicia. Mediante a estimulación da vocación artística para o desenvolvemento da artesanía, o centro promove ademais a creación de postos de traballo no sector mediante a cualificación do colectivo profesional. Así, entre as materias que imparte a institución atópanse o modelaxe, a escultura, o debuxo técnico e artístico, a construción ou a historia da arte. Cabe sinalar que este centro pode visitarse mediante cita previa de luns a xoves. 

Catálogo (pdf)