Detalle

Un fito elaborado pola Escola de Cantería da Deputación conmemora os 50 anos da asociación cultural "A Feira" de Salceda de Caselas

A deputada provincial Montse Magallanes e o alcalde, Marcos Besada, inauguraron este domingo a peza de granito no barrio da Feira

03 de xullo de 2017

Presentación del Hito

A deputada Montse Magallanes e o alcalde de Salceda, Marcos Besada, xunto o presidente da asociación A Feira, Fermín González, inauguraron o fito que conmemora os 50 anos de vida da entidade cultural e que foi realizado pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra.

O fito de granito, que mide un metro de altura por 70 centímetros de fronte e 50 centímetros de fondo, leva un releve no seu fronte dun escudo no que aparece representado un libro aberto no que se pode ler "Unión e traballo é o noso lema." Así mesmo o fito conmemorativo ten, na súa parte superior, unha inscrición agradecendo o traballo e colaboración de todas as persoas "que fixeron posibles estes 50 traballos en pro da cultura". A realización do fito foi solicitado polo Concello de Salceda á Deputación de Pontevedra.

A asociación A Feira é protagonista de enumerables froitos culturais como son grupos de baile, grupos musicais, grupos de teatro ou coros, así como a participación activa en libros relacionados coa historia de Salceda de Caselas. Ademais A Feira é unha das principais canteiras de músicos para a Banda de Música de Salceda e que xunto co barrio do Barreiro e a berce da Banda de Música de Salceda. Tamén, o barrio da Feira xunto con Barreiro levan organizando desde fai mais de 100 anos as tradicionais comparsas de carnavais onde ambos barrios loitan por ser a mellor comparsa ano tras ano.

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivo conservar e promover un dos oficios máis antigos de Galicia, desenvolve as súas actividades como un obradoiro de traballo artesanal en pedra, no que combinan o ensino teórico e o práctico. Os traballos de alumnado e profesorado ten deixado pegada no patrimonio arquitectónico popular de Galicia por todo o mundo: en Fortaleza (Brasil), Maracaibo (Venezuela), Manila (Filipinas), La Paz (Bolivia), Nova York (EUA), Nicaragua, Querétaro (México), Río Gallegos, Buenos Aires (Arxentina) ou Montevideo (Uruguai), Chile, Cuba, Alemaña, Francia, Suíza, Romanía e Portugal; así como na realización de hórreos e outras obras que locen en varios puntos de España e do estranxeiro.

Ademais, son numerosos as alumnas e alumnos da Escola de Cantería que forman parte dos equipos de restauración de emblemáticos edificios históricos como son A Sagrada Familia, en Barcelona e a Catedral de Santiago de Compostela, e mesmo nas obras de recuperación do edificio do Capitolio en Washington, Estados Unidos.