Detalle

Carmela Silva inaugura no paseo marítimo de Cambados a exposición da Escola de Cantería con motivo do nomeamento da vila como Cidade Europea do Viño

Ademais da exposición, a presidenta da Deputación asinou o convenio coa alcaldesa de Cambados para a cesión ao Museo de Viño da obra que representa unha adega en pedra elaborada pola Escola de Cantería

18 de maio de 2017

Carmela Silva inaugura no paseo marítimo de Cambados a exposición da Escola de Cantería con motivo do nomeamento da vila como Cidade Europea do Viño

A presidenta da Deputación de Pontevedra e a alcaldesa de Cambados inauguraron esta mañá a exposición da Escola de Cantería composta por 17 pezas sobre oficios tradicionais e a emigración que se poderán visitar ata o 30 de xuño no paseo marítimo do concello. Ademais, e tamén no marco do nomeamento da vila como Cidade Europea do Viño, tamén asinaron o convenio para que un grupo de esculturas en pedra que representan unha adega formen parte do Museo do Viño.

Carmela Silva asegurou que ambas as dúas actuacións se enmarcan no protocolo de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Cambados realizado con motivo do nomeamento da vila como Cidade Europea do Viño. Ao respecto, Silva subliñou que "Cambados ten no sector do viño unha das súas grandes potencialidades, tanto económicas como turísticas, que tamén se fan extensivas ao resto da provincia de Pontevedra". Por todos estes motivos e, tal e como subliñou Silva, " xa que tamén estamos nun concello de pedra", se asinou un convenio para a cesión ao Concello de Cambados dun grupo escultórico que representa unha lagareta, caixas con botellas de viño e botellas elaboradas en granito que se instalarán no patio interior do Museo do Viño de Cambados.

Durante hoxe e tamén mañá un grupo de catro alumnos (Daniel Acuña, Víctor Manuel Casal, Cristián Jabois e Daniel Moreira) e un profesor (Adrián Otero Chantada) da Escola de Cantería están realizando in situ diante da casa do concello de Cambados os remates da peza que se situará no Museo do Viño. A presidenta da Deputación animou a que "todas as persoas se acheguen ata o Concello para ver de primeira man o traballo que realiza a diario o alumnado na Escola de Cantería, que se traduce en pezas de altísima calidade, para que non soamente gocen da obra rematada senón tamén do seu proceso de elaboración".

Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, amosou o "agradecemento dobre á Deputación, tanto por esta peza que veñen a ceder ao Concello de Cambados e que se instará no Museo do Viño como pola exposición que se poderá visitar no paseo marítimo ata o 30 de xuño". A mostra, con 17 pezas elaboradas polo alumnado da Escola de Cantería, conta con pezas de máis de 1.000 quilos que teñen como temática a figura humana. Máis polo miúdo, a mostra conta cun módulo centrado nos oficios tradicionais, desde ferreiros ata canteiros, e noutro coa emigración como protagonista.

Carmela Silva aproveitou a ocasión para enxalzar a formación de alta calidade que se imparte na Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. "As persoas que estudan na Escola son as mellor preparadas do mundo e, proba disto, é que nos edificios máis relevantes do mundo está a traballar o alumnado deste centro da Deputación: dous canteiros van a traballar na rehabilitación do Capitolio de Washington, outros están a facelo na Catedral de Santiago de Compostela e outros na Sagrada Familia de Barcelona".