Detalle

Carmela Silva e Abel Caballero inauguran o conxunto escultórico dos Pastoriños de Fátima elaborado pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra

12 de mayo de 2017

Carmela Silva e Abel Caballero inauguran o conxunto escultórico dos Pastoriños de Fátima elaborado pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola Deputada delegada da Escola de Cantería, Montse Magallanes, o bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza, o párroco de Fátima, Juan Luis Martínez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asistiu hoxe na parroquia de Nose Señora de Fátima da cidade olívica á inauguración do conxunto escultórico elaborado por este centro de formación da institución provincial en homenaxe aos pastoriños e pastoriñas de Fátima. A instalación das esculturas elaboradas polo alumnado da Escola de Cantería produciuse no centenario da aparición da Virxe de Fátima, segundo conta a lenda, e o día previo á celebración do Día de Fátima, o 13 de maio.

A presidenta, Carmela Silva, sinalou que "como dixo o párroco, hoxe é un día para a alegría dos ollos e do corazón" e fixo fincapé en que "somos dun país, Galicia, e dunha cidade, Vigo, construídos pola auga e pola pedra, por iso todo o que é importante para nós está feito en pedra porque nacemos dela, do granito co que están construídas as nosas montañas". A Presidenta provincial afirmou que, para a parroquia de Fátima e a veciñanza de Vigo, "os pastoriños e pastoriñas de Fátima son algo moi importante nas súas vidas e temos que ter moito respecto, as persoas que nos dedicamos á política, co que move o corazón das mulleres e homes que nos arrodean". Por iso, asegurou, "cando o párroco de Fátima nos solicitou á Deputación de Pontevedra que a Escola de Cantería fixera estas reproducións entendemos que inmediatamente o tiñamos que facer, porque falaba en nome dos corazóns das persoas que veñen a esta Igrexa de Fátima e, ademais, sabiamos que tiñamos que facer unhas esculturas que de verdade reflectisen o sentimento do que supoñen para a nosa veciñanza".

A obra, que foi elaborada pola Escola de Cantería, recolle unha reprodución de Francisco, Jacinta e Lucía, os tres pastoriños e pastoriñas que, canto tiñan entre 6 e 10 anos, experimentaron en tres ocasións durante 1916 unha presenza mentres pastoreaban as súas ovellas na parroquia de Fátima do concello portugués de Ourém. A representación dos pastoriños e pastoriñas componse de tres figuras independentes de granito galego a tamaño real, con vestimenta da época das aparicións, en actitude de camiñar cara ao lugar onde tiveron lugar as aparicións.

O alumnado da Escola de Cantería dedicoulle arredor de 750 horas de traballo á elaboración deste conxunto, que conta cunhas dimensións de 160x70x50 centímetros e para o que se empregaron taboleiros de granito silvestre serrados a fío de diamante. Carmela Silva asegurou sentirse "enormemente orgullosa da Escola, porque os nosos canteiros e canteiras forman parte da nosa historia, do que somos, e fan un traballo de excelente calidade". Deste xeito, rematou a Presidenta provincial, "o alumnado fixeron catro esculturas que viven, camiñan, transmiten, falan das crenzas daquilo que move os corazóns dos vigueses e viguesas". O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que "os veciños e veciñas de Fátima móvense polos sentimentos" e, por iso, felicitou á Deputación de Pontevedra "porque temos unha mostra excepcional de como se entende a arte unida aos sentimentos", ademais de lembrar que "detrás destas esculturas hai cen anos de historia". Carmela Silva asegurou que "xa forman parte para sempre da historia da nosa cidade. Nós irémonos, pero elas seguirán e tamén falarán deste momento".