Detalle

A escultura de "Balbino" saúda dende o acceso á biblioteca viguesa que leva o nome do seu creador

11 de outubro de 2016

A escultura de "Balbino" saúda a todas as persoas que acceden á biblioteca viguesa adicada a Xosé Neira Vilas dende hoxe tras a súa inauguración pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

A escultura que foi feita pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, ten 1,5 metros de altura e esta feita en granito salvaxe, e representa ao protagonista da novela "Memorias dun neno labrego" e o seu can "Pachin". A obra está baseada nun debuxo de "Balbino" proposto por un amigo persoal de Neira Vilas, o ceramista e pintor galego Xosé Vizoso.

O acto contou coa presenza da sobriña de Xosé Neira Vilas, que leu un fragmento da obra, membros da Fundación que leva o seu nome e os deputados provinciais Santos Héctor, David Regades e o concelleiro de Vigo, Cayetano Rodríguez.

Carmela Silva destacou que a figura de "Balbino" non podía estar en mellor lugar que na porta da biblioteca "que evita que existan moitos outros neno labregos sen acceso aos libros e a cultura". "Balbino hoxe, coa a súa sorriso da intelixencia natural, nos recorda –subliña Silva- que temos avanzado moito para que todos e todas teñan acceso a cultura e a educación, pero aínda nos queda moito".

A presidenta da Deputación quixo tamén recordar que con este pequeno acto se rende tamén  un homenaxe a Xosé Neira Vilas "que fixo que a nosa lingua foxe máis grande do que cada un a sentimos e,  hoxe a súa alma e as súas obras forman parte de todos os galegos e galegas".

A escultura de "Balbino" é obra dun ex-alumno da Escola de Cantería da Deputación, Rubén Gil Rodríguez e ten aproximadamente unhas 250 horas de traballo.